Por fin! Xa está aquí a campaña de difusión que tanto esperabamos e que anunciaramos no verán a través da Circular.
A necesidade desta campaña, que agora te compartimos para que te sumes á difusión, xorde fronte á proliferación das solucións fáciles e máxicas das pseudoterapias que seducen a moitas persoas. Precisamos situar a Psicoloxía e a colexiación como garantía dunha intervención responsable, rigorosa, ética e eficaz.
Co lema “A saúde mental non é un xogo” e tendo de protagonista ao Señor Potato, confiamos en espertar curiosidade e interpelar a audiencia. Ademais, este lema central ven acompañado doutras mensaxes complementarias, deseñadas con humor e ironía.
Desde o COPG convidámoste a participar na difusión desta campaña. Para iso, elaboramos o material en diferentes tamaños. Así, podes elixir o que mellor se adecúe á túa práctica profesional.
Como podes acceder aos materiais?
- Fai clic no seguinte enlace: A túa saúde mental non é un xogo
- Descarga o material que máis se axuste aos teus intereses.
- Utiliza e difunde o material, ben imprimíndoo ou no formato virtual.
- Na sede do COPG haberá material impreso no seu tamaño máis grande, dispoñible ata esgotar existencias.
Por que participar?
- Contribúe ao desenvolvemento dunha comunidade profesional comprometida cun ben común e coas boas prácticas.
- Salienta a túa profesionalidade e o recoñecemento da psicoloxía, dando seguridade e confianza ás persoas coas que traballas.
- Visibiliza a túa condición de psicóloga/o colexiada/o, diferenciándote doutras opcións e asegurando un servizo ético e cualificado.
- Axuda á cidadanía a comprender que o tratamento da saúde mental require de determinados estándares de calidade, e que non todo vale.
Gustaríanos que formaras parte desta iniciativa e que aproveites estes novos recursos. Moitas grazas pola túa dedicación.