III Foro de Empregabilidade, Emprego e Emprendemento en Psicoloxía (III FORO 3EP)

5/3/2026

O III Foro de Empregabilidade, Emprego e Emprendemento en Psicoloxía (III FORO 3EP) ten a vontade de consolidarse como un espazo de referencia para o encontro entre profesionais, egresadas/os e estudantes de Psicoloxía. O seu obxectivo é facilitar a exploración de novas saídas profesionais, fortalecer a empregabilidade e impulsar o espírito emprendedor dentro da disciplina psicolóxica.

Esta terceira edición celebrarase no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Vida, Santiago de Compostela), nun formato dinámico 5×15: cinco microconferencias de 15 minutos impartidas por profesionais destacadas/os de diferentes ámbitos da psicoloxía. A través destas intervencións breves e inspiradoras abordaranse cuestións clave para a orientación profesional e o desenvolvemento de carreira.

 

Entre outras, trataranse preguntas como:

  • Que facer despois de graduarse?
  • Que alternativas hai dispoñibles?
  • Como afrontar con éxito un proceso de selección?
  • Que pasos dar para emprender en psicoloxía?

Nesta edición participarán:

•    Antía Blanco Espeiñeira, directora de Recursos Humanos en GalChimia.
•    Puri Torrente Sánchez, técnica en Orientación Profesional do Servizo de Orientación Laboral e Emprego da USC.
•    Paloma Muñoz Díaz-Castroverde, técnica de emprego na Confederación de Empresarios da Coruña.
•    Benxamín Varela López, investigador posdoutoral no Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS).
•    María Reynolds, fundadora de Flying Fun.

O foro busca ofrecer unha visión práctica e realista do mercado laboral actual, proporcionando ferramentas útiles, experiencias en primeira persoa e orientación estratéxica para a toma de decisións profesionais.

Ao remate da sesión presencial abrirase un foro virtual de dúbidas, no que as persoas participantes poderán formular preguntas específicas e recibir asesoramento por parte das colexiadas e colexiados que integran a comunidade profesional do COPG.

A inscrición está aberta ata o 9 de marzo e é gratuíta ata completar aforo. Pode realizarse a través da ligazón habilitada para o evento: Inscrición ao #IIIForo3EP – Completar o formulario

Non perdas a oportunidade de impulsar o teu futuro profesional no III FORO 3EP!