Selección de psicólogas/os para colaboración na realización de informes periciais psicolóxicos a solicitude dos órganos xudiciais

Unpublished

31/5/2023

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinou recentemente un convenio coa Xunta de Galicia para a colaboración na realización de informes periciais psicolóxicos a solicitude dos órganos xudiciais en Galicia para o ano 2023.

O COPG elaborará listaxes provinciais cos e coas profesionais que cumpran cos requisitos establecidos, como formación especializada, experiencia na realización de ditames na materia e non estar exercendo como profesional adscrito á Administración de Xustiza, entre outros. As pericias efectuaranse sempre a requirimento dos xulgados e tribunais, que solicitarán ao COPG a designación da persoa colexiada, sendo o Colexio o encargado de notificar a designación tanto ao órgano xudicial requirente coma á persoa que por listaxe lle corresponda ser designada.

As persoas designadas terán un prazo de 4 días hábiles para a aceptación perante a oficina xudicial que se lle indique na designación, dispoñendo dun prazo de 40 días naturais desde a devandita aceptación do cargo para a realización da pericia encomendada. Para a realización das pericias, a Dirección Xeral de Xustiza habilitará espazos adecuados nas dependencias das delegacións da Xunta ou en espazos dispoñibles dos edificios xudiciais.

O importe máximo establecido pola Xunta de Galicia para cada informe son 600 euros (lVE incluído) e incluirá todos os gastos xerados pola intervención pericial: elaboración, redacción, emisión e entrega do informe, desprazamentos, aclaracións, ratificacións, asistencias e, en xeral, calquera actuación ante o órgano ou oficina xudicial, incluído o acto de xuízo oral.

Os psicólogos e psicólogas que desexen ser incorporadas nas listaxes deberán reunir os seguintes requisitos, que se establecen no convenio, no momento de formalizar a súa solicitude:

  • Ser psicólogo/a colexiado/a e estar ao corrente do pago das cotas colexiais.
  • Non estar cumprindo ou ter pendente de cumprimento unha sanción da Comisión de Ética e Deontoloxía.
  • A presentación dunha declaración responsable de non ter incompatibilidades profesionais. A realización de informes periciais psicolóxicos a solicitude dos órganos xudiciais prevista no presente convenio é incompatible con exercer funcións de psicólogo/a adscrito á Administración de xustiza como psicólogo/a forense ou nas Oficinas de Atención a Vítimas dependentes da citada Administración.
  • Ter acreditadas un mínimo de 300 horas de formación, das cales 200 horas deberán ser da área da psicoloxía xurídica e forense, xustificadas documentalmente e que procederán da formación regrada, asistencia a xornadas e congresos, impartición como docente de formación na área, etc.
  • Acreditar documentalmente a realización dun mínimo de catro (4) informes periciais, debendo ser como mínimo dous deles do ámbito civil.
  • A presentación dunha declaración responsable de estar dado/a de alta no Réxime Especial de Traballadores/as Autónomos/as.
  • Ter contratado un seguro de responsabilidade civil profesional, o cal se acreditará mediante o pagamento do último recibo do ano en curso.
  • Certificado de delitos de natureza sexual ou xustificante de telo solicitado.

As persoas interesadas en incorporarse nas devanditas listaxes de psicólogas e psicólogos para a colaboración na realización, por parte deste Colexio Oficial, de informes periciais psicolóxicos a solicitude dos órganos xudiciais en Galicia, deberán presentar o seguinte:

  • Solicitude segundo modelo axunto.
  • Copia simple da documentación acreditativa dos méritos que desexen facer constar.
  • Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos para formar parte das listaxes (declaración de non incompatibilidade, de alta en autónomos, seguro de responsabilidade civil profesional, certificado de delitos de natureza sexual).

Co fin de valorar as solicitudes recibidas, a Xunta de Goberno do COPG constituíu un Comité de Valoración formado por:

  • Alejandra Isabel Fernández Rodríguez. Secretaria do COPG.
  • Ricardo Fandiño Pascual. Vogal da Xunta de Goberno e coordinador coa Sección de Psicoloxía Xurídica do COPG.
  • Mª Dolores Seijo Martínez. Presidenta da Sección de Psicoloxía Xurídica do COPG.

Haberá unha listaxe por cada provincia, debendo indicar a persoa solicitante na súa solicitude a provincia ou provincias nas que desexa ser incluída.

A orde das persoas nas 4 listaxes (unha por provincia) realizaranse por estrito orde de rexistro de entrada. As solicitudes presentadas só terán validez en orde á súa incorporación ás listaxes unha vez aportada a totalidade da documentación acreditativa dos requisitos e méritos requiridos. No suposto de emenda, subsanación ou mellora terase en conta o último rexistro de entrada realizado.

Unha vez comprobada polo Comité de Valoración a concorrencia e cumprimento dos requisitos esixidos, esta remitirá os seus acordos á Xunta de Goberno que, unha vez estudiada toda a documentación, elaborará e aprobará as correspondentes listaxes, que serán publicadas na páxina web do COPG; asemade a resolución será notificada individualmente a cada unha das persoas interesadas.

Non obstante, as devanditas listaxes estarán abertas durante a vixencia do Convenio (ata o 31 de decembro de 2023), podendo toda persoa colexiada que reúna os requisitos formular a súa solicitude en calquera momento.

Poderase presentar a documentación por correo postal certificado ou acudir presencialmente á sede colexial, sita na Rúa Espiñeira, 10-Baixo, 15706 Santiago de Compostela, A Coruña, ou ben a través da sede electrónica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia https://sede.copgalicia.gal/

Non se admitirá documentación a través de correo electrónico.

En todo o non previsto na presente convocatoria, e como corporación de dereito público, serán de aplicación a Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común e a Lei 40/2015, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas.

Solicitude