A oitava edición de Tempo da Psicoloxía desenvolverase os días 24 e 25 de febreiro, que leva por título «Unha ollada sobre pobreza e saúde mental», a través dunha palestra e unha conferencia organizadas conxuntamente entre a Facultade de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Como é habitual, estará aberto a todo o público interesado, con carácter gratuíto, e poderá seguirse de xeito presencial no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía así como en liña, vía streaming a través da web https://tempodapsicoloxia.gal/.
Inaugúrase o martes 24, coa conferencia académica «Estigma, saúde mental, pobreza e exclusión social: todo á vez en todas partes» que será impartida por Manuel Muñoz López, Catedrático da área de Personalidade, avaliación e tratamento psicolóxicos da Universidad Complutense de Madrid e Director da Cátedra institucional UCM-Grupo-5 Contra el estigma.
A palestra principal que reflexionará sobre o impacto da pobreza no estado da saúde mental, será o día 25 de febreiro e comezará ás 18.00 horas.
A primeira mesa "Saúde mental e pobreza: unha viaxe de ida e volta" contará coa participación de:
- Ricardo Fandiño, membro da Xunta de Goberno do COPG.
- Alexandre Teixeira, membro da Ordem dos Psicólogos Portugueses.
Para rematar, levarase a cabo a mesa redonda onde participarán:
- Aarón Argudo Palacios (G-6026), subdirector de ALUME.
- Beatriz Gómez Gómez, traballadora social no SERGAS.
- Ana Pardo Fernández, presidenta da sección Galicia da Rede Europea contra a pobreza e a exclusión social (EAPN), traballadora social.
- Adrián Varela, técnico de atención integral de saúde mental da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia).

