Regulación da Psicoloxía no ámbito sanitario

Certificado para o exercicio da psicoloxía sanitaria

En relación coa emisión dos certificados que expide a Consellería de Sanidade sobre a actividade desenvolvida polas tituladas e titulados universitarios en Psicoloxía con anterioridade ao 6 de outubro de 2014 en centros sanitarios autorizados no marco do "Acordo da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde polo que se determinan criterios interpretativos comúns respecto aos requisitos formativos e os dereitos adquiridos dos psicólogos e psicólogas que veñan realizando actividades sanitarias ao abeiro do previsto na Disposición adicional Sétima da Lei 33/2011, de 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública, ponse en coñecemento das persoas interesadas que dito certificado deberá solicitarse ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, salvo que se trate de actividade sanitaria desenvolvida nos centros de recoñecemento psicotécnicos, que terán que solicitalo ante a Xefatura Territorial de Sanidade da provincia que corresponda.

Este certificado pode solicitarse no momento en que se estime oportuno, xa que non existe límite de prazo para efectuar dita xestión.

Aqueles/Aquelas profesionais que exerceran a psicoloxía sanitaria nun centro sanitario autorizado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e non figure no expediente administrativo de autorización do centro sanitario que consta na devandita Consellería, deberán achegar a seguinte documentación:

  • Acreditación colexial do cumprimento do itinerario curricular establecido na lexislación vixente.
  • Acreditar de forma fidedigna e conforme co ordenamento xurídico o tempo traballado nun centro sanitario mediante:

Se o traballo foi por conta allea (contratado pola entidade titular do centro sanitario):

  1. Certificación da vida laboral que expide a Tesourería Xeral da Seguridade Social.
  2.  Copia do/s contrato/s correspondente/s aos servizos prestados cuxa valoración se pretende, ou ben copia dalgunha nómina por algún período dos que figuran na vida laboral cuxa valoración se pretenda, na que figure que estivo contratado en calidade de psicólogo/psicóloga.

Se o traballo foi por conta propia (contratado por prestación de servizos):

  1. Documentación acreditativa de alta en Actividades Económicas (Axencia Tributaria).
  2. Documentación acreditativa de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou Mutualidade correspondente: certificado expedido pola Tesourería Xeneral da Seguridade Social onde se sinale a actividade na que estivese de alta no réxime de autónomos.
  3. Contrato de prestación de servizos sanitarios (artigo 42 da Lei 44/2003, de ordenación das profesións sanitarias, todos os contratos de prestación de servizos sanitarios formalizaranse por escrito).


Estado de situación da Psicoloxía no ámbito sanitario

O pasado 28 de marzo de 2014, o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicaba a Lei 3/2014, que modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios. Esta lei inclúe a emenda que recoñece os dereitos adquiridos polas psicólogas e psicólogos que na actualidade desenvolven o seu labor no ámbito sanitario e se atopan acollidos á regulación transitoria disposta na Lei de Economía Social, que finaliza en outubro de 2014.

Desde que se publicou a Lei 33/2011, de 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública, en cuxa disposición adicional sétima se recolle a regulación da Psicoloxía no ámbito sanitario, son moitos e importantes os cambios que afectan á regulación da Psicoloxía no ámbito sanitario e que afectan a situación profesional de moitas e moitos colexiados. Faremos un repaso polas principais normas que regulan o exercicio da psicoloxía no ámbito sanitario.


A
Lei 33/2011 Xeral de Saúde Pública

Esta Lei, publicada no BOE do 5 de outubro de 2011, recoñece legalmente ao/á Psicólogo/a Xeral Sanitario a condición de Profesional Sanitario, que ata agora era exclusiva de quen estivera en posesión do Título de Especialista en Psicoloxía Clínica. Establece as súas competencias profesionais específicas na área da saúde. Regula, asemade as vías de acceso ao exercicio da profesión no ámbito sanitario, mediante a creación do Título oficial de Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, impartido nas Universidades e ao que se accederá unha vez adquirido o título de Grado en Psicoloxía.

Está contemplado que as mesmas Universidades que impartan o Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria regularán o procedemento para recoñecer aos titulados e tituladas en Psicoloxía que concluíran os seus estudos con anterioridade á entrada en vigor desta lei, os créditos europeos do citado Máster, tras avaliar a equivalencia acreditada a través da experiencia profesional e formación adquiridos en Psicoloxía da Saúde.

Accede á información do BOE


A Lei 5/2011 de Economía Social

Transitoriamente, para os psicólogos e psicólogas en exercicio profesional, prorrógase ata outubro de 2014 o recollido na disposición adicional sexta da Lei 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social, que posibilita que os psicólogos e psicólogas non sanitarios poidan exercer actividades sanitarias se acreditan algún dos seguintes requisitos:

  • Ter superado os estudos de grado/licenciatura, seguindo un itinerario curricular cualificado pola súa vinculación coa área docente de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxicos, ou coa Psicoloxía Clínica
  • Ter formación posgraduada non inferior a 400 horas (ou o seu equivalente en créditos europeos), das que ao menos 100, Terán carácter práctico, vinculada á area docente de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxicos, ou coa Psicoloxía Clínica e da Saúde.

A acreditación para o exercicio de actividades sanitarias expídea o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia previa presentación por parte das colexiadas e colexiados de fotocopia compulsada da documentación xustificativa de cumprir os requisitos previstos na antedita Lei 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social.

Ate a data o COPG valorou un total de 957 solicitudes e expediu 916 acreditacións positivas e 41 negativas.

Accede á información do BOE


A Lei 3/2014, pola que se modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios

O Boletín Oficial del Estado (BOE) do 28 de marzo publicou a Lei 3/2014, de 27 de marzo, pola que se modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios na que se inclúe a emenda que recoñece os dereitos adquiridos polas psicólogas e psicólogos que na actualidade desenvolven o seu labor no ámbito sanitario e se atopan acollidos á regulación transitoria disposta na Lei de Economía Social.

Esta emenda posibilitará que os e as profesionais que se atopan nesta situación poidan seguir realizando actividades sanitarias unha vez remate o período transitorio marcado por esta Lei (5 de outubro de 2014).

As modificacións en concreto son:

Disposición final oitava. Modificación da disposición adicional sétima da Lei 33/2011, de 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública.

Un. Engádese un novo apartado 6 coa seguinte redacción:

«6. Os psicólogos que obtivesen a inscrición de unidades asistenciais/consultas de psicoloxía nun rexistro de centros, servizos e establecementos sanitarios, ao abeiro do previsto no parágrafo segundo do anterior apartado 5, poderán seguir exercendo actividades sanitarias nesta ou outra comunidade autónoma, con posterioridade á data do vencemento do prazo de tres anos indicado no citado apartado, sen que nestes supostos sexa necesario ostentar para realizar unha nova inscrición, o título oficial de psicólogo especialista en Psicoloxía Clínica ou o de Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria.»

Dous. Engádese un novo apartado 7, que queda redactado do seguinte xeito:

«7. Non obstante o previsto no anterior apartado 4, os psicólogos que á data de entrada en vigor da Lei 5/2011, do 29 de marzo, estivesen desempeñando actividades sanitarias en centros, establecementos e servizos do Sistema Nacional de Saúde ou concertados con el, en postos de traballo de psicólogo para cuxo acceso non se tivese requirido estar en posesión do título de psicólogo especialista en Psicoloxía Clínica, non poderán ser removidos dos seus postos por non ostentar o devandito título. Estes psicólogos poderán acollerse ao previsto no apartado 6 desta disposición, se solicitan a súa inscrición no correspondente rexistro de centros, servizos e establecementos sanitarios para exercer actividades sanitarias en unidades asistenciais/consultas de psicoloxía do ámbito privado, aínda cando non ostenten o Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria.»

Accede á información do BOE


Sobre o Rexistro de Centros Sanitarios da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia

Os psicólogos e psicólogas que traballan en centros sanitarios teñen a obriga de inscribirse como acreditados para o exercicio de actividades sanitarias no Rexistro de Centros Sanitarios da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, de acordo ao regulado na disposición adicional sexta da Lei 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social.

A acreditación para o exercicio de actividades sanitarias expídea o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia previa presentación por parte dos colexiados de fotocopia compulsada da documentación xustificativa de cumprir os requisitos previstos na antedita lei.

Actualmente, coa publicación da Lei 3/2014, pola que se modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios, na que se inclúe a emenda que recoñece os dereitos adquiridos polas psicólogas e psicólogos que na actualidade desenvolven o seu labor no ámbito sanitario e se atopan acollidos á regulación transitoria disposta na Lei de Economía Social, posibilitase aos e as profesionais que se atopan nesta situación seguir realizando actividades sanitarias unha vez remate o período transitorio,o 5 de outubro de 2014.

Por iso, o COPG recomenda a tódolos colexiados e colexiadas que exercen actividades de Psicoloxía sanitaria a súa inscrición no mencionado rexistro, xa que, ademais da súa obriga legal, é requisito para continuar realizando actividades profesionais no ámbito sanitario sen estar en posesión do Titulo de Psicólogo/a Xeral Sanitario/a.

Podedes consultar os requisitos para o rexistro na páxina web da Xunta de Galicia [Accede á páxina]

Acordo da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde sobre os e as profesionais da psicoloxía que veñen realizando actividades sanitarias [accede ao acordo]


Impreso de solicitude de acreditación para o exercicio de actividades sanitarias
 [ver pdf] 
I
mpreso de solicitude de acreditación para o exercicio de actividades sanitarias a través da sede electrónica do COPG [accede ao enlace]

Normativa básica:

Preguntas e respostas sobre a regulación da Psicoloxía sanitaria [accede á información]

Preguntas e respostas publicadas en INFOCOP [accede á información]