O COPG colabora coa Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) no plan para o apoio e atención ao persoal do SERGAS

16/3/2021
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) asinaron un acordo de colaboración para a organización de seis das conferencias que se impartirán no marco do ciclo que está a impartir o SERGAS para coidar do benestar emocional dos seus traballadores e traballadoras.
 
Estas conferencias comezarán hoxe martes 16 de marzo, e terán lugar o primeiro e o terceiro martes de cada mes entre os meses de marzo e xullo. Emítense en directo na canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde a través da súa web https://acis.sergas.es/ Logo de ser emitidas quedan gravadas e dispoñibles para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde nunha sección específica na Aula virtual de ACIS.
 
Este ciclo de conferencias enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19, posto en marcha pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Están invitados a participar os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas.