O COPG demanda á Xunta de Galicia reforzar a atención psicolóxica nos concellos

5/3/2021

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia trasladoulle ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, as diversas demandas recibidas por parte de varios concellos galegos para a posta en marcha de servizos de atención psicolóxica no ámbito municipal, xa que perciben con preocupación un sensible incremento do malestar e dos problemas de saúde mental.

O COPG non ten capacidade nin é a súa función manter este tipo de servizos, máis aínda tendo en conta que as necesidades que están agromando se van incrementar e reforzar mesmo unha vez superadas algunhas das restricións no noso modo de vida, dado que a crise económica e social á que nos enfrontamos agudizará aínda máis estas problemáticas. Neste sentido, instouse á Xunta de Galicia a apostar pola figura do psicólogo ou psicóloga dentro dos equipos multidisciplinares dos servizos sociais comunitarios. 

Tamén se lle instou a incorporar a profesionais das unidades de Saúde Mental do SERGAS dentro do Comité Clínico que asesora ao goberno galego en materia da COVID, dado que como experto na conduta humana pode contribuír moito na toma de decisións e especialmente, no traslado e comunicación á cidadanía, co fin de evitar a desafección, o rexeitamento e percepción de incoherencia que, cada vez  con máis frecuencia, manifestan as persoas.