A Psicoloxía na Semana Europea da Mobilidade

16/9/2022

Entre o 16 e o 22 de setembro conmemórase a Semana Europea da Mobilidade, á que se suma o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que a través da súa intervención no ámbito do tráfico e  da seguridade está comprometida coa mobilidade segura e calidade de vida ambiental e persoal, nos desprazamentos urbanos preferentemente.

Este é o Obxectivo da  Semana Europea da Mobilidade, que ten como lema nesta edición de 2022 “COMBINA E MÓVETE” , coa intención de sensibilizar a responsables políticos, profesionais e a poboación en xeral sobre as consecuencias negativas do uso irracional dos vehículos de motor na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, así como os beneficios do uso de modos de desprazamentos máis beneficiosos para as persoas e a súa contorna: transporte público, micromobilidade (bicicletas, vehículos de mobilidade persoal…) e desprazamentos a pé. Tamén pretende concienciar sobre a creación das Zona de Baixas Emisións (ZBE) para restrinxir accesos aos vehículos máis contaminantes aos centros urbanos, obrigatorias para cidades con máis de 50.000 habitantes a partir de finais de 2023.  

A mobilidade ou os desprazamentos, en xeral, son un medio que implica: participación, integración, relación, comunicación, traballo ou estudos, medio ambiente limpo e saúde… É dicir, un estilo de vida no que temos que fomentar os valores, actitudes e hábitos que faciliten a convivencia segura, sostible, eficaz nas vilas e cidades e tamén ao revés: unha boa saúde mental garante unha mobilidade segura. A tarefa de conducir implica que a persoa condutora organice e coordine toda a información, todos os estímulos que lle chegan; esixe, por tanto, manter un nivel adecuado de atención, determinante para reducir as distraccións ao volante que, como sabemos, causan actualmente máis do 30% de accidentes.

Neste sentido, desde o Grupo de Tráfico e da Seguridade do COPG apoiamos tamén a campaña da DGT da mobilidade sen distraccións, para o que se fai básico que a través dos centros de recoñecemento de condutores (CRC) se sigan utilizando sistematicamente probas que avalíen a atención, tempos de reacción, coordinación, factores determinantes para medir a actuación do factor humano como causante do 90% dos incidentes.

A Psicoloxía aposta polos estilos de vida que favorecen o desenvolvemento integral das persoas e a mobilidade que defendemos sen dúbida pode facilitalos, dado que é unha disciplina que contribúe a combater os grandes males deste século.

Podemos contribuír desde os nosos coñecementos, ademais de realizar as avaliacións nos CRC, tamén a crear actividades de prevención/información nos mesmos centros ou con entidades locais, empresas ou club de mobilidade activa, colectivos de maiores e infancia. Actividades que fomenten os desprazamentos a pé polos seus respectivos barrios, os roteiros ciclistas, actividades culturais ou de difusión con entidades locais, proxección en medios de comunicación e redes sociais, exposicións en espazos abertos… É dicir, o traballo con variables actitudinais e de personalidade que incidan na toma de decisións co fin de reducir o risco viario de cada viandante. 

 A PSICOLOXIA NON FALTA Á CELEBRACION DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE 2022