Aprazamento da entrada en vigor do sistema Verifactu

4/12/2025

Aprazamento da entrada en vigor do sistema Verifactu

O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto-lei este martes 2 de decembro que inclúe unha modificación do Real Decreto 1007/2023, do 5 de decembro, que establecía os requisitos que deben cumprir os sistemas informáticos de facturación de pemes e persoas autónomas, coñecido como Regulamento Verifactu. A principal novidade é o aprazamento dun ano da súa entrada en vigor, que pasa a fixarse en 2027.

Inicialmente, estaba previsto que o Verifactu comezase a aplicarse o 1 de xaneiro de 2026 para os obrigados tributarios suxeitos ao Imposto sobre Sociedades, mentres que para o resto das empresas e persoas autónomas que empregasen sistemas informáticos de facturación a data era o 1 de xullo de 2026.

Co novo Real Decreto-lei, ambos prazos amplíanse un ano máis, atendendo á necesidade de adaptar os sistemas informáticos e garantir unha implantación progresiva, ordenada e homoxénea no conxunto do tecido empresarial. Así, establécense as seguintes novas datas de aplicación:

  • 1 de xaneiro de 2027, para as empresas cuxo prazo inicial era o 1 de xaneiro de 2026.
  • 1 de xullo de 2027, para as empresas e persoas autónomas que tiñan como data prevista o 1 de xullo de 2026.